Fusión de asociacións

Compártao :

Compartir

A fusión de asociacións pode producirse de dúas formas:

  1. Mediante constitución dunha nova asociación por fusión de dúas ou máis existentes
  2. Por absorción dunha ou varias asociacións por outra asociación xa existente

(Ambos supostos están regulados no artigos 27, 59 e 60 do R.D. 949/2015, do 23 de outubro).

A solicitude de inscrición debe presentarse no prazo dun mes dende a adopción do último acordo de fusión adoptado polas asociacións afectadas.

Que documentos teño que presentar?

A) Fusión mediante constitución dunha nova asociación

  1. Solicitude de inscrición (modelo PR308A): formulada por unha das persoas promotoras da nova asociación e dirixida ao rexistro competente. No caso de que a solicitude sexa formulada por outra persoa, deberá acreditarse a representación por calquera medio válido en dereito.
  2. Actas das reunións das asembleas xerais ou certificado dos acordos de fusión adoptados por cada unha das asociacións que se fusionan (modelo formato .docx - modelo formato .odt): expedido pola persoa ou cargo con facultade para a certificación de acordos, co visto e prace da presidencia. Debe constar que a fusión foi aprobada conforme aos requisitos que para a adopción de acordos establecen os estatutos de cada asociación.
  3. Acta fundacional da nova asociación xurdida da fusión, co seguinte contido:
    • Denominación, núm. de inscrición e rexistro no que consta inscrita cada unha das asociacións fusionadas, así como identidade, nacionalidade, DNI e domicilio das persoas que actúan na representación das mesmas.
    • A vontade das asociacións de constituír unha asociación por fusión, a súa denominación, e os pactos que no seu caso establecesen.
    • A designación das persoas integrantes do órgano de representación ou xunta directiva.
    • Lugar e data de outorgamento da acta asinada polas persoas promotoras.
  4. Estatutos da nova asociación (modelo formato .docx - modelo formato .odt): un exemplar orixinal asinado por todas as persoas promotoras ou fundadoras, redactado co contido mínimo establecido no art. 7 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo.
  5. Autorización para a comprobación dos datos de identidade das persoas promotoras da nova asociación (anexo II)
  6. Xustificante do pagamento da taxa (Código 30.39.01)
  7. A que rexistro teño que dirixirme?

B) Fusión por absorción

  1. Solicitude de inscrición (modelo PR308A): formulada por unha das persoas titulares da xunta directiva da asociación absorbente e dirixida ao rexistro competente. No caso de que a solicitude sexa formulada por outra persoa, deberá acreditarse a representación por calquera medio válido en dereito.
  2. Acta ou certificación dos acordos das asembleas xerais das asociacións fusionadas (modelo formato .docx - modelo formato .odt), onde consten os respectivos acordos de fusión e as datas de aprobación, con indicación de que a fusión se aprobou conforme aos estatutos.
    Así mesmo, debe constar a cal é a asociación absorbente e cales son absorbidas, aos efectos de conservar o número de Rexistro e denominación da asociación que permanece, e formalizar a baixa rexistral das asociacións absorbidas.
  3. Novos estatutos ou, no seu caso, certificación na que conste que seguen vixentes os estatutos da asociación absorbente (modelo formato .docx - modelo formato .odt).
  4. Autorización para a comprobación dos datos de identidade das persoas titulares da xunta directiva (anexo II)
  5. Xustificante do pagamento da taxa (Código 30.39.03)
  6. A que rexistro teño que dirixirme?