Que son os Colexios Profesionais e os Consellos Galegos

Os colexios profesionais e os consellos galegos de colexios son corporacións de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, que desenvolven a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os colexios profesionais terán como fins esenciais:

  • A ordenación do exercicio das profesións.
  • A representación institucional exclusiva das profesións cando estean suxeitas a colexiación obrigatoria.
  • A defensa dos intereses profesionais dos/as colexiados/as.
  • A protección dos intereses de consumidores/as e usuarios/as polos servizos dos/as colexiados/as.

Os consellos galegos de colexios profesionais terán como fins:

  • A coordinación dos colexios profesionais que os integren e a representación da profesión no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • As relacións coas institucións e a Administración autonómica, en especial co Goberno galego, para facilitar a mutua colaboración para a mellor satisfacción dos intereses sociais e profesionais cuxa defensa teñen encomendada.
  • Todos aqueles que, de acordo coa Lei, os seus estatutos e regulamentos establezan.