Instituto de Medicina Legal de Galicia

Compártao :

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) é un órgano da Administración de xustiza en Galicia, que ten por misión prestarlles asistencia técnica aos tribunais, fiscalías e xulgados en materia de medicina forense. Esta organización, integrada por médicos/as forenses e persoal técnico e auxiliar, ten a súa sede en Santiago de Compostela e centros de traballo situados, ademais de nesta cidade, na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

O Imelga foi creado polo Decreto 119/2005, do 6 de maio, da Xunta de Galicia e, en virtude da Orde do 23 de marzo de 2006, entrou en funcionamento. Nas súas funcións técnicas o Instituto actúa con carácter independente e sometido unicamente ás regras de investigación científica.

Funcións

A investigación médicolegal en todos os casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade é a función máis coñecida dos/as médicos/as forenses, malia que tamén é recoñecida a súa intervención no control periódico da evolución dos/as lesionados/as e a valoración dos danos corporais que sexan obxecto de actuacións procesuais, así como a asistencia e vixilancia facultativa das persoas detidas.

Ademais desta vertente máis salientada, as súas funcións comprenden o estudo e a emisión dos informes que lle sexan requiridos polas autoridades xudiciais e fiscais en todos os aspectos médicolegais. Tamén constitúe o seu labor a emisión de informes previstos na normativa sobre o Rexistro Civil (sobre a idade ou sobre o sexo das persoas implicadas en expedientes gobernativos, sobre a causa da morte etc.).

No seo do Imelga estas actividades organizaranse a través do Servizo de Patoloxía Forense (medicina forense de mortos/as) e do Servizo de Clínica Médico-forense (medicina forense de vivos/as).

Alén disto e dentro dunha concepción ampla da saúde, a intervención de psicólogos/as no Servizo de Clínica garante o estudo, a avaliación e o informe dos aspectos da súa disciplina profesional.

Por último, cómpre destacar que tamén se encadra na misión deste centro a formación e especialización dos/as médicos/as forenses e do persoal técnico do Instituto.

O persoal médico forense

O persoal médico forense consta de funcionarios/as que constitúen un corpo nacional de tituladas e titulados superiores ao servizo da Administración de xustiza. Para o acceso a este corpo esíxese estar en posesión da licenciatura en medicina.

O persoal médico forense destinado no Instituto de Medicina Legal de Galicia depende do director do Instituto e no curso das actuacións procesuais están ás ordes das autoridades xudiciais e fiscais, pero emiten os seus ditames médicos con plena independencia e baixo criterios estritamente científicos. 

Organización territorial

O Instituto estrutúrase en sete subdireccións territoriais, cada unha delas coas súas respectivas áreas de patoloxía forense e de clínica médicolegal.

O ámbito territorial das subdireccións é o seguinte:

  • Subdirección territorial da Coruña, cuxo ámbito de actuación comprende os partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo e Corcubión.
  • Subdirección territorial de Ferrol, que comprende os partidos xudiciais de Ferrol e Ortigueira.
  • Subdirección territorial de Santiago de Compostela, para os partidos xudiciais de Arzúa, A Estrada, Lalín, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón, Ribeira e Santiago de Compostela.
  • Subdirección territorial de Lugo, con ámbito de actuación en toda a provincia.
  • Subdirección territorial de Ourense, tamén con ámbito provincial.
  • Subdirección territorial de Pontevedra, cuxo ámbito de actuación son os partidos xudiciais de Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Marín, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
  • Subdirección territorial de Vigo, que comprende os partidos xudiciais de Ponteareas, Redondela, O Porriño e Tui.

A Dirección do Instituto de Medicina Legal

Para acadar a necesaria uniformidade e coordinación, o Instituto de Medicina Legal de Galicia está dotado dun órgano central: a Dirección.

A esta corresponderalle realizar os labores de organización, planificación e control do funcionamento dos sete centros de traballo.

Este órgano sitúase en Santiago de Compostela, cidade na que a institución ten a súa sede oficial. Compoñen a Dirección o/a director/a, quen, ademais das súas funcións directivas e de representación, asume a xestión operativa da subdirección no centro de Compostela, e o Consello de Dirección (integrado polo/a director/a, os/as subdirectores/as territoriais, os/as xefes/as de servizo, e representantes do persoal), ao que lle corresponde aprobar as directrices técnicas e os protocolos xerais de actuación dos servizos.

Directorio telefónico

 

  • Subdirección Territorial de Santiago de Compostela
    R/ Viena s/n, Edificio Xulgados
    15707 Santiago
    Tel.: 981 54 04 81 Fax.: 981 54 03 59
  • Subdirección Territorial da Coruña
    R/ Monforte s/n, Edificio Xulgados
    15071 A Coruña
    Tel.: 981 185 291 Fax.: 981 185 268
  • Subdirección Territorial de Ferrol
    R/ A Coruña, 55
    15401 Ferrol
    Tel.: 981 337 242 Fax.: 981 337 333
  • Subdirección Territorial de Lugo
    R/ Praza de Avilés, s/n
    27002 Lugo
    Tel.: 982 294 871 Fax.: 982 294 868
  • Subdirección Territorial de Ourense
    Praza de Concepción Arenal, s/n
    32071 Ourense
    Tel.: 988 687 169 Fax.: 988 687 016
  • Subdirección Territorial de Pontevedra
    R/ Tomás y Valiente, s/n
    36071 Pontevedra
    Tel.: 986 805 886 Fax.: 986 805 885
  • Subdirección Territorial de Vigo
    R/ Lalín, 4, Edificio Xulgados
    36209 Vigo
    Tel.: 986 817 358 Fax.: 986 817 359
Documentos relacionados
  • Decreto 119/2005 polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia
  • Orde do 23 de marzo de 2006 de entrada en funcionamento do Imelga
  • Orde do 10 de maio de 2006 sobre selección e nomeamento de médicos forenses interinos
  • Regulamento dos institutos de Medicina Legal
  • Memoria Imelga 2019
  • Memoria Imelga 2018
  • Memoria Imelga 2017
  • Memoria Imelga 2016
  • Memoria Imelga 2015
  • Memoria Imelga 2014
  • Memoria Imelga 2013
  • Memoria Imelga 2012
  • Memoria Imelga 2011
  • Memoria Imelga 2010
  • Memoria Imelga 2009
  • Memoria Imelga 2008
  • Memoria Imelga 2007
  • Memoria Imelga 2006